A Laracha | O Concello e a Xunta cofinanciarán a mellora da sinalización do parque empresarial

1 minutes read
  • O orzamento situarase preto dos 50.000 euros

A Xunta de Galicia concederá unha achega económica ao Concello da Laracha para axudar a cofinanciar o proxecto de mellora de sinalización no parque empresarial. O orzamento situarase preto dos 50.000 euros.

Esta ampla actuación deseñada polo goberno local presenta dúas liñas de intervención diferenciadas. Unha delas é a relativa á sinalización horizontal, que ten por obxecto guiar e canalizar o tráfico dentro dos carrís de circulación e aumentar a seguridade viaria. Ditas marcas serán repintadas nos accesos, rúas e glorietas do ámbito industrial para incrementar a visibilidade das mesmas. Tamén serán remarcadas as prazas de estacionamento público de vehículos ou os pasos de peóns, entre outros. En total serán 13.571 metros lineais os que serán remarcados con pintura reflexiva de cor branca e amarela.

A outra liña de intervención consiste na instalación de nova sinalización vertical tanto no interior do propio parque empresarial como en estradas próximas a el.