A Laracha | O Concello finaliza en Erboedo os proxectos de limpeza e conservación de cunetas

Carretera de O Igrexario en Erboedo_Ayuntamiento de A Laracha

  • O propósito dos mesmos é mellorar as condicións, incrementar a capacidade de evacuación e reforzar a seguridade viaria

O Concello da Laracha ten na fase final de execución os proxectos de limpeza e conservación das cunetas en estradas de titularidade municipal. Os traballos tamén inclúen a formación do arcén e o perfilado dos noiros, ademais da poda das pólas saíntes e o desbroce e limpeza superficial do terreo. As últimas intervencións estanse acometendo na parroquia de Erboedo, en concreto na vía que comunica a DP-1913 co Igrexario e A Fontenla, así como as súas conexións coas estradas que dirixen aos núcleos de San Paio, Paredes, Reirís e O Piñeiro.

O obxectivo das actuacións é «mellorar as condicións das vías e aumentar a súa capacidade de evacuación, reforzando tamén a seguridade viaria ao favorecer a drenaxe e evitar que se xeren encharcamentos tanto nas estradas como nas propiedades limítrofes», destacan desde o Goberno Local.

O investimento total para estas actuacións alcanza os 95.000 euros, financiados integramente con fondos municipais. En total actúase en 71 quilómetros lineais da rede viaria local con intervencións localizadas, ademais das comentadas na parroquia de Erboedo, nas seguintes vías:

• Montemaior: núcleos de A Panela, O Viso, Goexe, Propeste, Santa Margarida, O Canedo, A Chamusqueira, Nebrexe, As Cernadas, A Pena, A Baiuca, A Castiñeira, A Casanova, A Fieira, Vilariño, A Medorra, Casas Longas e O Igrexario.
• Soandres: O Priorato, As Senras e Encián.
• Coiro: Gudís, O Pazo Vello, A Painceira e O Casal do Monte.
• Lemaio: Pedrarrubia, O Pereiro, O Igrexario, A Fraga e A Pedreira.
• Lendo: acceso a O Bastón
• Caión: Xermaña, A Pedreira, O Outeiro e Alvite.
• Cabovilaño: núcleos de O Cancelo de Abaixo, A Telleira, O Igrexario, Padronelo, A Casanova e O Cuartel, e estrada entre O Feal e A Rega.
• Golmar: As Talladas e San Cristovo.
• Lestón: O Cruceiro, Centulle e A Porta Santa.
• Vilaño: Fragunde, Fornelos e Vilanova.