A Laracha | O Concello limita o uso dos pavillóns deportivos polo aumento de contaxios

1 minutes read
  • Desde a tarde deste venres e ata o 2 de xaneiro a piscina municipal estará pechada por actuacións de mantemento

Ante o incremento no número de casos de coronavirus rexistrado nos últimos días no termo municipal da Laracha, rexistrando este martes un total de 52 afectados, o goberno local decidiu tomar medidas preventivas como a limitación do uso dos pavillóns polideportivos exclusivamente á actividade federada ou a aquelas que se realizan baixo a organización do Concello, e sempre baixo o control dos técnicos e monitores. Polo tanto, desde este martes xa non se permite o aluguer a particulares do pavillón municipal larachés, o do CEIP Alfredo Brañas de Paiosaco e o de Xermaña, en Caión.

Por outra banda, tamén se procederá ao peche da piscina municipal desde este venres, a partir das 14:30 horas, ata o 2 de xaneiro por actuacións de mantemento e reparacións. O día 3 de xaneiro abrirá no seu horario habitual. Ademais, cumprindo coa normativa autonómica, o persoal encargado do complexo deportivo está controlando o acceso ao recinto solicitando o certificado de vacinación Covid-19 ou ben unha proba diagnóstica negativa.