A Laracha | O Concello reanudará as actividades culturais e deportivas o 1 de febreiro

PIXABAY

  • Estas tiveran que ser suspendidas despois do parón do Nadal debido ao incremento de contaxios por Covid-19

O Concello da Laracha reanudará o próximo martes as actividades culturais e deportivas do programa municipal de inverno 2021-2022. Estas foran suspendidas polo goberno local debido ás alarmantes cifras de contaxios por Covid-19 no municipio, aproveitando ademais o parón do Nadal.

No caso das actividades para nenos retómanse as de fútbol sala, informática, manualidades e debuxo, patinaxe, robótica e gaming, teatro, voleibol, xadrez e zumba kids. Tamén darán comezo as de pequecociña e tiro con arco.

Por outra banda, os adultos poderán regresar a aeróbic, encaixe de palillos, informática, ioga, labores de tecido, memoria e alfabetización, restauración e tapicería, pilates e ximnasia de mantemento, e bailes latinos para principiantes. O comezo dos cursos de iniciación a internet e emprego do paquete Office queda adiado ata o mes de marzo, unha vez estea rematado o curso de iniciación á informática que se viña impartindo desde novembro e que non será posible rematar en xaneiro como estaba inicialmente previsto.

A pesar das especiais circunstancias que se están a producir neste curso, desde a Alcaldía destacan que o programa «está a ter un rotundo éxito de participación, contando actualmente con máis de mil persoas inscritas entre todas as propostas ofertadas para nenos e adultos».