O Goberno da Laracha proporá actuacións con 1,1 M€ do remanente

2 minutes read

O Concello da Laracha pechou recentemente o exercicio económico do ano 2019 cun remanente líquido de tesourería de 3.273.596,95 euros e cumprindo coa regra de gasto e o estipulado na lei de estabilidade orzamentaria. Agora o goberno municipal proporá á Corporación comprometer parte dese remanente para destinalo a actuacións de investimento dirixidas a mellorar e manter en boas condicións infraestruturas públicas municipais, compra de equipamento e tamén á adquisición de terreos que permitirán o desenvolvemento de proxectos de interese xeral.
Con esa finalidade convocarase unha Comisión Informativa a celebrar a semana que vén no edificio administrativo e, posteriormente, haberá un Pleno extraordinario que terá lugar na Casa da Cultura para posibilitar que os edís e os empregados municipais poidan gardar a distancia social.
En total proporase incorporar aos orzamentos municipais 1.119.706,17 euros. Cabe salientar, entre as actuacións máis destacadas, a adquisición dos terreos afectados pola segunda fase do Plan Especial do CEIP Otero Pedrayo, que ten por finalidade aumentar os espazos vinculados ao colexio para mellorar os seus equipamentos e crear un novo acceso pensando especialmente para aumentar a seguridade dos autobuses de transporte escolar.
En canto a proxectos na rede viaria, prevese a humanización e mellora da estrada Bos Aires-O Pereiro, moi próxima ao centro escolar citado anteriormente, e a ampliación dunha das vías principais da parroquia de Montemaior, que é a que comunica A Baiuca con Propeste dando acceso ao núcleo de Santa Margarida desde a estrada provincial DP-2404. Outros proxectos nas vías municipais afectarán á Avenida Manuel Fraga en A Laracha (humanización e axardinamento) e a renovación do pavimento nun tramo da estrada en Saldante (parroquia de Soandres). Tamén serán mellorados os accesos ao aparcamentos xunto á praia de Caión, creados novos espazos de estacionamento na capital municipal e en Paiosaco e reformada a parada de taxis xunto á Praza do Concello.
A aprobación deste suplemento de crédito permitiría, por outra parte, dispoñer dos fondos necesarios para financiar o equipamento necesario para a posta en marcha do centro sociocomunitario de Caión, cuxa construción se atopa nestes momentos en fase de execución.
Outras actuacións centraríanse na mellora das redes de saneamento, abastecemento e do alumeado público en diferentes puntos do termo municipal.
En Paiosaco levaríanse a cabo actuacións de canalización soterrada da rede eléctrica, instalación dun parque biosaudable na Porta Santa, melloras nun dos accesos ao centro sociocultural e reparacións na cuberta do pavillón do CEIP Alfredo Brañas.
Tamén serían adquiridas placas para continuar desenvolvendo o programa de numeración de vivendas nos núcleos rurais, colectores de recollida de residuos para reforzar a cobertura e novo equipamento para a Policía Municipal.
Por último, salientar que unha partida destinaríase a incrementar a subvención nominativa á Agrupación de Voluntarios de Protección Civil.