A Laracha | O menhir de Erboedo e o terreo no que se sitúa xa son de titularidade municipal


O Concello completou o procedemento de expropiación dos terreos nos que se sitúa o menhir e o seu entorno, adquirindo unha superficie de 4.651 metros cadrados -repartidos en tres parcelas catastrais e cualificadas no Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) como solo rústico de protección integral de patrimonio e solo rústico de protección forestal ou de montes- co propósito de preservar o seu valor histórico e levar a cabo as actuacións precisas para favorecer a súa conservación e acondicionar os accesos. Tamén será incluído no Parque do Megalitismo da Costa da Morte para poñelo en valor. Situado nas inmediacións do núcleo de O Loureiro, o menhir de Erboedo é o único exemplar deste tipo do que se ten constancia na Costa da Morte. Alcanza os dous metros de altura, debuxa unha forma características de pedra apuntada de lados asimétricos e posúe calzos na base.