A Laracha | O pan, protagonista dun dos dous novos obradoiros infantís do Museo de Golmar

1 minutes read
  • A inscrición é gratuíta e pode realizarse na web do Concello

O Centro de Interpretación dos Muíños de Auga da Costa da Morte de Golmar acollerá dous obradoiros infantís os sábados 11 e 18 de setembro, ambos en horario de 10:30 a 13:30 horas e dirixidos a nenos de entre 6 e 12 anos de idade.

Facendo pan. Muíños e cereais é o primeiro dos obradoiros e constará de dúas fases: unha divulgativa, cunha visita guiada polo museo, e unha participativa, onde cada neno amasará e preparará o seu propio pan que ademais será cocido no forno da Panadería Antonio, situada xunto ao museo.

O seguinte obradoiro, baixo o título de Pirámide ecolóxica. Muíños e natureza, centrarase nun xogo onde a base é a construción dunha estrutura de distintos niveis relacionados cos diferentes elementos que conforman a vida.

O prazo para inscribirse nas actividades, que son gratuítas, xa está aberto. Será necesario cubrir un formulario que se atopa na web do Concello.