A Laracha | O Pleno aproba, por unanimidade, o destino dos fondos do POS+2021

1 minutes read
  • Tamén se acordou incorporar ao inventario municipal de bens o Centro Comunitario de Caión

Este xoves celebrouse na Laracha o Pleno ordinario correspondente ao mes de xaneiro e nel acordouse, por unanimidade, o destino das achegas que percibirá o Concello con cargo ao Plan de Obras e Servizos da Deputación POS+ 2021. O municipio recibirá un total de 867.046,71 euros que se dividirán en tres ámbitos.

En primeiro lugar, aparte da aportación económica municipal, destinarase un orzamento de 329.535,06 euros á obras na rede viaria municipal de parroquias como Soandres, Cabovilaño, Coiro, Lendo, Montemaior, Caión ou Vilaño.

Ademais, 334.677,07 euros do POS+ resérvanse para gasto corrente e outros 202.834,58 euros, que corresponden ao POS+ Adicional para o financiamento de gastos sociais extraordinarios, irán dirixidos á ampliación do servizo de axuda a domicilio; convocatorias de axudas ás familias para sufragar gastos que faciliten a escolarización dos nenos, fondo de emerxencia social e reforzo do persoal municipal técnico adscrito ao departamento de servizos sociais.

Plan complementario

Así mesmo, quedou definido o Plan complementario, que ten natureza de reserva e a súa finalidade é poder investir os créditos procedentes no caso de que a Deputación da Coruña acordase unha maior achega para o POS+ ao longo do exercicio 2021. Ten un orzamento total de 375.751,32 euros e inclúe actuacións nas parroquias de Vilaño, Lemaio, Torás, Erboedo e Golmar.

Máis acordos e mocións
O Centro Comunitario “Costa da Morte” de Caión incorporouse ao inventario municipal de bens coa única abstención do grupo municipal nacionalista.

Ademais, tamén foi aprobada, por iniciativa do grupo do Partido Popular, unha moción para instar ao Goberno de España a rebaixar o prezo da tarifa eléctrica.