A Laracha | O Pleno votará este venres o Plan de acción para o clima e a enerxía sostible

Imaxe do Pleno ordinario de xullo.

Este venres celebrarase na Laracha o Pleno ordinario correspondente ao mes de novembro. Unha das cuestións que se elevará a esa sesión será a proposta de aprobación do Plan de acción para o clima e a enerxía sostible da Laracha, que xa foi sometida a ditame da Comisión Informativa de Asuntos Xerais do Pleno.

A elaboración deste documento faise no marco do Pacto das Alcaldías para o Clima e a Enerxía –ao que está adherido o Concello da Laracha-, unha iniciativa impulsada pola Comisión Europea co obxectivo de involucrar ás autoridades locais e aos cidadáns no desenvolvemento e a aplicación da política enerxética da Unión Europea.

En virtude do pacto, o Concello da Laracha comprometése a reducir as emisións de CO2 nun mínimo do corenta por cento de aquí a 2030 a través da mellora da eficiencia enerxética e promovendo un maior uso das fontes de enerxía renovables, así como a aumentar a súa resiliencia mediante a adaptación ás repercusións do cambio climático.