A Laracha | O PSOE levará ao pleno a creación dunha mesa de traballo para o Proxecto Anllóns

1 minutes read
  • A moción socialista contempla a participación de todos os grupos políticos e o tecido asociativo do concello

O Proxecto Anllóns, impulsado pola Deputación da Coruña, ofrece aos concellos da comarca de Bergantiños unha oportunidade para consolidarse como un destino turístico atractivo e sustentable. A Laracha participa no ente de cooperación municipal xunto a Carballo, Coristanco, Cabana e Ponteceso e nos próximos meses será preciso ir definindo as actuacións concretas que serán incluídas nesta iniciativa. Desde o PSOE larachés consideran que se trata dun proxecto «estratéxico» para o futuro da Laracha e por este motivo reclama un proceso aberto á participación de todos os colectivos representativos do concello para a elaboración das propostas.

A portavoz do grupo local, Palomi Rodríguez Castiñeira, defende a necesidade de crear unha mesa de traballo «na que estean representados non só todos os grupos políticos da corporación, senón tamén as asociacións veciñais e todas as entidades implicadas na actividade económica, social, deportiva e cultural das 13 parroquias da Laracha». A moción será debatida no próximo pleno. Castiñeira pídelle ao goberno «amplitude de miras para escoitar a todos os axentes sociais e incorporar as súas propostas á memoria do Proxecto».