Tras a publicación no DOGA da supresión da EEI de Comiáns, en Montemaior, no concello de A Laracha, o PSdeG saíu o paso desta decisión presentando unha proposición non de lei no Parlamento, ao tempo que presenta unha moción ao Pleno do Concello na que cuestionan «que se adopte esta decisión en plena crise sanitaria polo coronavirus, cando a idea é apostar por aulas máis pequenas e optar pola alternativa de establecer grupos estables de aula que xunto ao titor/a poderán conformar grupos de convivencia estable cuxos membros poden socializar e xogar entre si sen ter que manter a distancia interpersoal de forma estrita, tal e como se establece no apartado 3.3 do protocolo de adaptación elaborado pola propia Consellería».
Ademais afirman que «o alumnado que debera escolarizarse na EEI de Comiáns acudirá ao CEIP Ramón Otero Pedrayo empregando o servizo de transporte escolar (coas dificultades engadidas de aplicarse o establecido no protocolo publicado cando establece no seu apartado 13.2 que no caso de que a capacidade dos vehículos non resulte suficiente para o traslado de todo o alumnado o criterio de prioridade é o de maior distancia de residencia ao centro educativo) e formando parte dun grupo cun número de alumnos superior ao que terían na escola de educación infantil».
Desde o grupo socialista municipal piden que o Concello da Laracha inste á Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional a:
1.Corrixir a Orde do 3 de agosto de 2020 pola que se modifican as unidades e os postos de traballo docentes dos centros públicos, anulando a inclusión da EEI de Comiáns no anexo III e, polo tanto, manter en funcionamento este centro escolar para o curso 2020/2021.
2.Optar pola alternativa de conformar grupos de convivencia estable tal e como se recolle no protocolo de adaptación da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional.