- Na actualidade hai catro oficinas de farmacia na localidade
O concello da Laracha cumpre con todos os requisitos para contar cunha nova farmacia que ademais será incluída no próximo concurso público para a adxudicación de novas oficinas. Así llo trasladou o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, ao rexedor larachés, José Manuel López Varela, e á concelleira de Sanidade, Rocío López, nunha xuntanza celebrada este mércores na que tamén estivo presente o secretario xeral técnico, Alberto Fuentes.
Este anuncio é froito das xestións realizadas entre ambas administracións para a incorporación desa nova farmacia toda vez que as actuais cifras oficiais de poboación así o posibilitan. A solicitude do rexedor baseouse no establecido na Lei de ordenación farmacéutica de Galicia sobre as zonas semiurbanas (nas que está encadrado o Concello larachés), ás que lle corresponde unha farmacia por cada 2.500 habitantes. Se se supera esa proporción en 1.500 habitantes poderá establecerse unha nova oficina ante un incremento neto poboacional nos últimos cinco anos.
A día de hoxe hai catro farmacias no termo municipal da Laracha para unha poboación que supera os 11.500 habitantes, polo que xa se cumpre dito requisito, motivo polo cal o alcalde transmitiu á Consellería de Sanidade a petición formal que agora foi confirmada polo conselleiro.