A Laracha organiza unha excursión a Asturias para maiores de 60, pensionistas e xubilados

Cudillero_PIXABAY, Javier Álamo

  • Desenvolverase do 18 ao 22 de abril, e as inscricións poden formalizarse entre o martes e o xoves desta semana

O Concello da Laracha volve activar o ocio na localidade tras dous anos d pandemia cunha nova excursión dirixida aos veciños do municipio de máis de sesenta anos, xubilados e pensionistas. Nesta ocasión a proposta é unha viaxe en autobús por diferentes localidades asturianas do 18 ao 22 de abril.

Hai 50 prazas dispoñibles. As persoas que cumpran os requisitos e desexen realizar a excursión deben inscribirse dirixíndose ao departamento de Servizos Sociais, situado no edificio administrativo larachés. O prazo estará aberto do martes ao xoves desta nova semana. No caso de que o número de persoas interesadas en participar sexa superior ás prazas ofertadas, para outorgalas realizaríase un sorteo público o día 4 de abril.

Na última Xunta de Goberno Local quedou fixado en 280 euros o prezo por persoa en habitación dobre –suplemento de 88 euros para os que desexen unha habituación individual-, que inclúe o aloxamento en réxime de pensión completa (almorzo, comida e cea), guía en todas as visitas, entrada ao museo e seguro de viaxe. O Concello da Laracha subvencionará integramente o custo do transporte en autobús.

Programa

Trala saída ás 8:00 horas do 18 de abril desde a Praza do Concello, o primeiro punto de destino será Cudillero e, pola tarde, Oviedo. Ao día seguinte visitaranse Ribadesella, Llanes e o Santuario de Covadonga mentres que na terceira xornada os participantes coñecerán Avilés pola mañá e o Museo da Minería de Asturias pola tarde. O penúltimo día realizaranse visitas guiadas polas cidades de Xixón e Oviedo. O último día, 22 de abril, haberá paradas no poboado mineiro de Bustiello, en Mieres e en Luarca antes de emprender a viaxe de regreso.