A Laracha organiza unha excursión a Navarra e A Rioxa para maiores, xubilados e pensionistas

Alfaro, La Rioja.

O Concello da Laracha organiza unha nova excursión dirixida a persoas maiores de 60 anos de idade, xubiladas e pensionistas que contempla nesta ocasión visitas a diferentes localidades de Navarra e A Rioxa. O obxectivo é ofrecerlle a ese colectivo unha proposta cultural e recreativa para o aproveitamento do seu tempo libre que lles permita coñecer esa zona do norte de España e evitar a exclusión social.

A viaxe realizarase entre o 17 e o 21 de outubro. No primeiro día o autobús partirá ás 7:00 horas desde a Praza do Concello, sendo o punto de destino a localidade rioxana de Alfaro, lugar no que se aloxarán durante a excursión. O martes 18 están previstas visitas ao Parque Natural das Bardenas Reales, lugar no que se rodaron escenas da serie Juego de Tronos, e a Tudela, a capital da ribeira navarra. O mércores 19 faranse visitas guiadas pola cidade de Pamplona e no Castelo de Olite. O xoves 20 os destinos serán Logroño e Laguardia, localidade da Rioxa Alavesa na que visitarán unha bodega subterránea. O venres 21 será a viaxe de regreso.

O prezo por persoa en habitación dobre (hotel de tres estrelas), réxime de pensión completa (almorzo, comida e cea) e incluíndo todas as visitas guiadas, entradas e seguro de viaxe é de 330 euros. O suplemento para os que escollan habitacións individuais é de 80 euros. O Concello financiará integramente o custe do transporte en autobús.

Aquelas persoas que cumpran os requisitos e desexen realizar a excursión deben anotarse no departamento de Servizos Sociais (edificio administrativo da Laracha) o venres ou o luns (días 7 e 10 de outubro). Hai cincuenta prazas dispoñibles. No caso de que o número de inscritos fose superior, realizaríase un sorteo o martes ás 11:00 horas no Salón de Plenos do Concello.