A Laracha | Panadería Suso e Xarope Hospital Veterinario, gañadores do concurso de escaparates

Escaparates de Nadal_Concello da Laracha

  • Este luns tamén se entregaron os premios do concurso de panxoliñas, obtendo o primeiro posto a asociación cultural Santa María de Torás

A 26ª edición do concurso de escaparates de Nadal convocado polo Concello da Laracha xa ten gañadores. Ao igual que en anos anteriores, nesta edición houbo dúas modalidades do concurso: a tradicional, cos galardóns outorgados polo xurado, e tamén o realizado na páxina de Facebook municipal.

Na primeira modalidade houbo cinco premiados: Panadería Suso (500 euros), Agrotusset (400 euros), Canela & Pimienta (300 euros), Floristería Churima (200 euros) e Agrícola Castiñeira (100 euros).

No concurso de Facebook –que se abriu na tarde do 27 de decembro e se pechou este luns ás 12:00 horas- houbo máis de 2.200 reaccións dos usuarios. As tres fotografías que obtiveron un maior número de votos foron Xarope Hospital Veterinario (150 euros), Agrotusset (100 euros) e Panadería Suso (50 euros).

O obxectivo deste certame foi «apoiar economicamente e estimular ás empresas e comerciantes do municipio para decorar os escaparates con motivos propios das datas do Nadal e que iso tamén sexa un aliciente para que os cidadáns aposten polo comercio local para facer as súas compras durante as festas», afirman desde o Concello.

CONCURSO DE PANXOLIÑAS

Outro dos concursos convocados polo Concello da Laracha foi o de panxoliñas “María Angeriz Tuset”, que por primeira vez se realizou de xeito virtual debido á situación epidemiolóxica.

Os premios do certame foron decididos directamente polos usuarios das redes sociais a través dunha votación pública na páxina do Facebook municipal. Entre os seis grupos participantes rexistráronse máis de 7.200 gústames desde a apertura do prazo o 23 de decembro e ata o mediodía deste luns.

A Asociación Cultural Santa María de Torás, coa súa peza O pelo roxiño, logrou o primeiro premio de 400 euros tras obter 2.860 votacións. O segundo posto, cun premio de 300 euros, foi para a Asociación Cultural Arume de Caión, con 2.548 votos á súa panxoliña titulada Despedida de ano vello. En terceiro lugar quedou clasificado o Coro Xuvenil Santa María de Torás, que obtivo 803 votos na peza O caixón das emocións e tamén recibiu 200 euros como premio.

Por outra banda, cada grupo que se presentou ao certame obtivo 200 euros polo simple feito de participar, como o Coro As Salseiras de Caión, a Asociación Musical da Laracha e o Coro de Vilaño.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha