A Laracha pecha o prazo de xustificación de subvencións a estudantes e entidades


O próximo mércores (30 de novembro) rematará o prazo de xustificación das axudas municipais ás familias para a escolarización dos seus fillos e tamén das subvencións ás entidades culturais, deportivas e educativas.

No caso das bolsas de estudos tanto a lista de beneficiarios como o impreso de xustificación da axuda están dispoñibles na web municipal www.alaracha.gal para a súa consulta e descarga. Este último documento debe presentarse debidamente cuberto e acompañado das facturas de gastos correspondentes para poder proceder ao pagamento.

A convocatoria deste ano está dotada con 75.000 euros, cun incremento de 20.000 euros con respecto ao exercicio anterior que permitiu aumentar a contía das axudas, que pasan a ser de 165 euros para os beneficiarios das bolsas de estudos que sexan estudantes de educación infantil, 150 euros para os de educación primaria, secundaria obrigatoria e programas de garantía social, 225 euros para os estudantes de bacharelato e ciclos formativos de grao medio e superior, 350 euros para aqueles alumnos que presenten necesidades educativas especiais e 400 euros para os que cursen estudos universitarios (grao medio, superior e máster).

Tamén o mércores remata o prazo para xustificar as subvencións municipais dirixidas ás entidades culturais, deportivas e educativas (asociacións, clubs, Anpas, etc.) para o desenvolvemento de actividades de interese xeral. Do mesmo xeito, o impreso pode descargarse da web municipal.

Esta cooperación económica soamente é unha parte da colaboración do Concello coas entidades, ás que tamén se presta un continuo apoio organizativo no deseño e o desenvolvemento das súas actividades, cedendo ademais, en moitos casos, instalacións de titularidade municipal de xeito totalmente gratuíto.