A Laracha pecha os parques infantís e instalacións deportivas

Ayuntamiento de A Laracha

  • Tamén se paraliza a actividade nas bibliotecas municipais e na aula lúdica

Esta media noite entrarán en vigor en toda Galicia as novas medidas preventivas dirixidas a frear a terceira vaga de contaxios por coronavirus. Actualmente o Concello A Laracha presenta 125 casos activos (un menos que onte) e 127 casos diagnosticados nos últimos catorce días, cunha incidencia acumulada de máis de 1.100 por cada cen mil habitantes.

Este martes volveu a reunirse a comisión municipal de seguimento da Covid-19 na Laracha, e unha das medidas acordadas foi a de pechar os parques infantís, as pistas polideportivas descubertas e os circuítos biosaudables. A Policía Local precintará todas esas infraestruturas públicas.

Así mesmo, estarán pechadas todas as instalacións deportivas: os pavillóns (salvo durante o horario de uso dos centros de ensino), o complexo deportivo da piscina municipal da Laracha, o campo de fútbol municipal e as pistas de pádel. A única excepción é o campo de fútbol A Porta Santa, xa que se permitirá o desenvolvemento dos adestramentos e a disputa dos partidos do primeiro equipo da U.D. Paiosaco, que compite en categoría nacional (Terceira División).

Estas medidas tamén afectan ás tres bibliotecas, que pecharán durante as vindeiras semanas, á aula lúdica municipal e ao programa de reforzo educativo “Un paso adiante”.

Sobre a feira de Paiosaco, que terá lugar o vindeiro 7 de febreiro, o Concello continuará permitindo a súa celebración mentres os postos ocupen a metade do seu espazo habitual.