A Laracha pon en valor o Castro de Montesclaros

1 minutes read
  • O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, e o alcalde da Laracha, José Manuel López Varela, visitaron este xoves aos participantes deste campo de voluntariado Castro de Montesclaros.

Trátase dun campamento de doce voluntarios procedentes de diferentes países e localidades de Galicia e de España, que realizan tarefas de delimitación e limpeza da zona perimetrada e están a levar a cabo o acondicionamento do camiño de acceso e a sinalización.

Este campamento ofrece a oportunidade de descubrir diferentes tipos de culturas, costumes e modos de vida, xa que coñecen a cultura castrexa e a forma de vida celtíbera destacando o seu compoñente social. Ademais, os participantes están a realizar actividades complementarias de aventura, talleres medio ambientais e de debuxo arqueolóxico, xogos deportivos, roteiros de sendeirismo e visitas culturais aos concellos da contorna. Os asistentes teñen entre 18 e 30 anos, a súa estancia comezou o 26 de xullo e finalizará o 6 de agosto.

Durante a visita, Trenor, recalcou que na provincia da Coruña a Consellería de Política Social e Xuventude organiza doce campos de voluntariado dos cales dous teñen lugar na comarca de Bergantiños-Costa da Morte o da Laracha e o de Ponteceso, que se levará a cabo entre o 28 de agosto e o 8 de setembro, na aldea do Couto e na desembocadura do río Anllóns, e consistirá na participación en diferentes eventos culturais do Concello e na posta en valor da historia da vila do Couto.