A Laracha pon en valor o labor realizado pola veciñanza nas diferentes actividades ao longo dos últimos meses

1 minutes read

Na tarde deste venres queda aberta a exposición da Laracha cos traballos elaborados polo alumnado participante nos cursos do programa municipal de actividades 2025-2026, unha iniciativa que permite dar visibilidade ao labor realizado pola veciñanza durante todo o ano. Faise aproveitando a programación municipal en torno ás Letras Galegas, que coincide precisamente co remate de gran parte dos cursos.

A mostra poderase visitar no baixo da biblioteca municipal da Laracha ata o martes en horario de 17:00 a 21:00 horas. A exposición consta de varios espazos diferenciados nos que se expoñen os traballos realizados nos cursos de manualidades e pintura ao óleo, manualidades e debuxo, restauración e tapizaría, macramé, labores de tecido, encaixe de palillos e cerámica.

A próxima semana será a quenda para as outras dúas exposicións, tanto a de Paiosaco como a de Caión, con inauguración prevista para o venres día 22 ás 17:00 horas e apertura o propio venres, o sábado e o domingo de 17:00 a 20:00 horas.

A do Centro Sociocultural de Paiosaco reunirá os traballos dos cursos de manualidades e debuxo, labores de tecido e macramé. A da oficina de turismo de Caión (antiga casa reitoral), esas mesmas tres actividades e, ademais, a de encaixe de palillos.

Con estas exposicións o Concello pretende recoñecer e visibilizar a implicación da veciñanza nas actividades municipais, ao tempo que se ofrece á cidadanía a oportunidade de descubrir os traballos realizados polos seus veciños froito da aprendizaxe, creatividade, talento e dedicación.