A Laracha pon en valor os sendeiros da Rede Natura 2000 de Caión

1 minutes read

As cuadrillas medioambientais que están ao servizo do Concello da Laracha realizan o completo acondicionamento das dúas sendas peonís creadas e sinalizadas nos coñecidos como camiños de Anobos e de Augacae, ambos protexidos pola Rede Natura 2000 e situados no litoral de Caión, entre a zona coñecida como Fontefría e o límite co termo municipal de Arteixo.

O alcalde, José Manuel López Varela, e o concelleiro responsable da área de medioambiente, José Ramón Martínez Barbeito, percorreron este xoves ambos sendeiros, desde os que se pode divisar unha fermosa panorámica do inicio da Costa da Morte (costa leste de Caión, Baldaio Malpica e illas Sisargas) e do litoral de Arteixo, incluíndo o porto exterior de Punta Langosteira.

Outro dos principais atractivos son os restos do muíño de auga existente ao final do sendeiro de Augacae e que se sitúa moi próximo ás rochas do fermoso cantil que se forma na enseada de Lourido.

O Concello da Laracha realiza esta actuación co obxectivo de poñer en valor estes ámbitos e animar a veciños e visitantes a descubrilos.