- Este programa ofrece formación en liña non regulada para adultos de cara a ampliar as súas competencias persoais e profesionais
A Laracha é un dos concellos beneficiarios das axudas do Ministerio de Educación e Formación Profesional para a creación de aulas de formación abertas e a distancia mediante tecnoloxías da información e a comunicación. Con estes fondos a Administración local habilitará un espazo co equipamento necesario (mobiliario, ordenadores, etc.) para que as persoas que o desexen poidan acudir a realizar os cursos formativos dispoñibles.
Aula Mentor é un programa de formación en liña non regulada, flexible e con titorización personalizada que vai dirixido a persoas maiores de 18 anos, especialmente ás que abandonaron o sistema educativo sen ningunha titulación.
Os obxectivos desta iniciativa céntranse en proporcionar unha alternativa en materia de formación á poboación adulta que non ten oportunidade de asistir á oferta presencial e cuxo ritmo de aprendizaxe e dedicación require dun sistema totalmente flexible, non suxeito nin a horarios nin a prazos de ningún tipo.