- Será a cargo dos profesores e historiadores uruguaios Leonardo Guedes e Alejandra Torres.
O editor e libreiro Antonio Barreiro y Ramos, nado en Fragunde (parroquia de Vilaño) en 1851, foi no último cuarto do século XIX e nos primeiros anos do XX unha personaxe clave no ámbito intelectual e cultural de Uruguai, país ao que emigrou sendo moi novo.
En Montevideo abriu o seu propio negocio, a Librería Nacional, en 1871, e anos despois converteuse tamén en editor, publicando os textos de importantes personalidades da época como o historiador Francisco Bauzá, o poeta Juan Zorrila de San Martín ou o xurista Justino Jiménez de Aréchaga.
O seu labor como editor e libreiro permitiulle establecer contactos con estudosos e políticos da época, chegándose a crear a Tertulia de Barreiro, unha agrupación consolidada de intelectuais na que se xeraban importantes intercambios e debates sobre a realidade uruguaia daquel momento e que levou a Barreiro y Ramos a ser considerado un dos empresarios máis importantes de Montevideo e mesmo a participar no directorio do Banco de la República.
Co propósito de dar a coñecer e poñer en valor a figura de Barreiro y Ramos, o Concello da Laracha organiza a conferencia titulada Edición, educación y canon literario. La incidencia cultural de los editores gallegos en el Uruguay moderno: los casos de Antonio Barreiro y Ramos y de los Hermanos Maximino y Claudio García que se desenvolverá este venres a partir das 17:30 horas no terceiro andar do edificio administrativo. Será a cargo dos profesores e historiadores uruguaios Leonardo Guedes e Alejandra Torres, que neste mes de novembro están a realizar ponencias en diferentes localizacións da xeografía galega.
A conferencia vai dirixida a todos os públicos, sendo a entrada libre e gratuíta.