A Laracha potenciará a reciclaxe doméstica con 230 novos composteiros


O Concello ten en marcha un novo proxecto para potenciar a compostaxe doméstica no que unha parte esencial do mesmo é a participación e involucración das familias residentes en zonas rurais e que dispoñan dunha vivenda unifamiliar con parcela anexa.

A iniciativa consiste na cesión gratuíta de composteiros domésticos combinada con campañas informativas e visitas de persoal especializado ás propias vivendas para a súa implementación e, posteriormente, para realizar o seguimento e asesorar sobre o uso axeitado do equipamento.

Actualmente o Concello ten en licitación o contrato para a subministración de 230 composteiros e outros tantos kits de compostaxe que se adquirirán coa colaboración da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta de Galicia no marco da convocatoria de axudas para o financiamento de actuacións destinadas á mellora da xestión dos biorresiduos. O investimento alcanza os 35.000 euros.

Cada composteiro ten unha capacidade de 400 litros e está realizado en material 100 % reciclado. Conta cunha tapa superior con peche anti-vento e dobre apertura, así como cun sistema de montaxe sinxelo. Os kits de compostaxe están composto por aireador de aceiro inoxidable, rede antirroedores e manual en papel impreso coa información necesaria para a correcta realización da compostaxe.

Aquelas persoas e familias que cumpran os requisitos establecidos e desexen formar parte desta iniciativa xa poden facer a reserva gratuíta do seu composteiro cumprimentando o formulario que está dispoñible na web municipal (https://www.alaracha.gal/gl/pagina/257/compostaje/) ou poñéndose en contacto co Concello.

A compostaxe doméstica consiste na reciclaxe en orixe da materia orgánica, converténdoa nun abono natural con excelentes propiedades para o solo e que o propio particular pode utilizar no seu xardín, horta ou terras de cultivo, substituíndo polos fertilizantes artificiais.

Con esta iniciativa procúrase o dobre obxectivo do respecto ao medioambiente e tamén económico, xa que, por unha parte, as vivendas produtoras de compost poderán utilizado para o seu uso persoal e, ademais, reducirase a carga de residuos sólidos urbanos que se depositan nos colectores.