- As entrevistas, que comezaron este mércores, faranse polas parroquias de Cabovilaño, Caión, Coiro, Montemaior, Lestón e Torás
No Concello da Laracha estanse realizando enquisas entre a veciñanza das diferentes parroquias para identificar as principais desigualdades entre mulleres e homes que poidan existir no termo municipal.
Esta actuación está enmarcada dentro do proceso de recollida de información para a elaboración dun novo Plan de Igualdade municipal. O obxectivo principal da enquisa é obter unha diagnose da situación actual que «sirva de base para coñecer a realidade e deseñar actuacións municipais para os próximos anos», sinalan desde o Goberno local.
Para este traballo o Concello conta coa colaboración dos mozos e mozas do voluntariado xuvenil. As entrevistas, que comezaron este mércores e rematarán o 15 de setembro, faranse polas parroquias de Cabovilaño, Caión, Coiro, Montemaior, Lestón e Torás.
Este proceso de elaboración do novo Plan de igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes conta tamén coa colaboración de todo o persoal do Concello, que participa na avaliación do plan de igualdade anterior.