O Concello da Laracha desenvolve ao longo de todo o ano unha ampla programación cultural dirixida a todos os públicos pero incidindo especialmente na infancia e na mocidade, ofrecéndolles aos máis cativos actividades de ocio que ao mesmo tempo son educativas e, ademais, favorecen a conciliación da vida persoal, laboral e familiar dos seus pais.
Así, no próximo mes poñerá en marcha por primeira vez Un setembro diferente, un setembro entre iguais en colaboración co programa de dinamización da lectura Ler conta moito -que a Xunta de Galicia impulsa no marco da Rede de Bibliotecas de Galicia- e co cofinanciamento do Pacto de Estado contra la violencia de género.
Un setembro diferente, un setembro entre iguais desenvolverase nas tres bibliotecas públicas do municipio (A Laracha, Paiosaco e Caión), que acollerán entre os días 3 e 20 do próximo mes un total de nove eventos (contacontos, títeres, espectáculos de maxia, etc.) con perspectiva de xénero dirixidos ao público infantil.
Os obxectivos esenciais do programa, que son complementarios entre si, céntranse na promoción da lectura entre os máis cativos, a educación en valores e a sensibilización sobre a importancia da igualdade entre homes e mulleres a nivel social e persoal.