- Conta con dúas fases paralelas: a colocación de trampas por unha empresa especializada e a implicación da veciñanza
O Concello da Laracha inicia a campaña de trampeo para combater a expansión da avespa velutina. Unha actuación que se leva a cabo en datas previas á primavera, época na que as raíñas fundadoras comezan a formar os niños.
Co propósito de optimizar os resultados, a campaña desenvolverase en dúas fases paralelas. A inicial consistirá na colocación, a cargo dunha empresa especializada no control de pragas, dun centenar de trampas en puntos estratéxicos das trece parroquias do termo municipal, centrándose especialmente en zonas verdes, parques e prazas de titularidade pública. Ademais, faise un chamamento á colaboración e implicación da cidadanía. Aquelas persoas que o desexen poderán solicitar no Concello, a partir do luns 21, trampas e líquido atraínte. Todo de balde.
Desde o goberno local lembran a importancia de centrar os esforzos nesta época do ano, xa que a captura de cada raíña impedirá a formación dun niño primario no que poden criarse ata tres mil nésporas, e chamar ao 012 no caso de detectar un niño.