O Concello da Laracha continúa apostando pola organización de obradoiros de emprego como a mellor das oportunidades para alcanzar o triplo obxectivo de crear postos de traballo, mellorar a formación profesional de persoas que se atopan en situación de desemprego e realizar obras e actuacións de interese xeral en infraestruturas e equipamentos públicos.
Na Xunta de Goberno Local celebrada este mércores acordouse presentar á Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia dous novos proxectos de obradoiros de emprego ao abeiro da convocatoria de axudas para o desenvolvemento deste tipo de programas.
Un deles sería o sexto dual que organizaría en solitario o Concello da Laracha. Constaría de dous módulos, sendo un deles o de actividades auxiliares en conservación e mellora de montes e o outro, o de actividades auxiliares en viveiros, xardíns e centros de xardinería. As actuacións principais serían a mellora e embelecemento da área recreativa de Gabenlle e a posta en valor das 4,5 hectáreas da área verde situada xunto ao parque empresarial. O proxecto prevé a participación de vinte alumnos traballadores durante nove meses. O orzamento ascende a 480.379,08 euros.
O outro proxecto presentado á Xunta de Galicia trátase dun obradoiro de emprego xuvenil (dirixido a mozos de entre 18 e 30 anos de idade que figuren no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil) que tamén constaría de dúas especialidades. A de pintura actuaría en infraestruturas e equipamentos municipais e a de carpintería de madeira encargaríase de renovar o mobiliario da Praza do Concello, crear novas marquesiñas do transporte público e construír unha caseta móbil para o equipo de salvamento e socorrismo que presta servizo cada verán na praia de Caión. Neste caso o número de alumnos traballadores sería de dezaseis e a duración do programa, de doce meses. O proxecto está valorado en 483.838,92 euros.
En ambos casos, tanto no obradoiro dual como no xuvenil, contaríase cun equipo formado por cinco persoas (director, mestres de cada especialidade, mestre de ensino básico e auxiliar administrativo).
Por outra parte, na Xunta de Goberno Local tamén se acordou solicitar o apoio económico da Xunta de Galicia para o financiamento dos gastos do persoal adscrito ao servizo de orientación laboral.