- Céntranse nas posibles afeccións acústicas nas zonas próximas, a captación de auga para traídas veciñais e a mellora das vías municipais de acceso
O Concello da Laracha presentou ante a Consellería de Economía, Empresa e Innovación unha serie de alegacións ao proxecto do parque eólico Coto Loureiro que prevé a instalación de catorce aeroxeneradores no municipio larachés, cunha potencia total de 50 MW. Elementos que tamén afectarán á localidade de Cerceda.
Unha das alegacións fai referencia ao emprazamento, dimensións e velocidade de xiro dos aeroxeneradores ao poder afectar aos núcleos de poboación situados a unha distancia de entre 500 e 1000 metros, polo que desde o Concello reclaman un estudo máis profundo sobre as posibles afeccións ambientais, paisaxísticas e de ruído que levarían consigo ditas infraestruturas. Tamén demandan o establecemento das correspondentes medidas correctoras e das servidumes acústicas xeradas polo proxecto.
Ademais, o Executivo local solicita que a empresa promotora realice un estudo pormenorizado das captacións de auga para traídas veciñais existentes na área afectada e que, ante a presenza de tráfico pesado que implicaría a construción e posta en marcha do parque eólico, leve a cabo a pavimentación das vías municipais de acceso.