A Laracha presenta un novo proxecto educativo de inclusión social

1 minutes read
  • Ademais de dar continuidade ao programa ‘Educa en positivo’, o Concello pretende organizar a iniciativa ‘A Laracha acolle’ dirixida a inmigrantes

Na Xunta de Goberno Local da Laracha acordouse solicitar a participación na convocatoria de subvencións da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia dirixida ás corporacións locais para o desenvolvemento de iniciativas que favorezan a inclusión social de colectivos en risco.

A través desta liña de axudas, o Concello pretende financiar dous proxectos. Un deles sería dar continuidade ao programa Educa en positivo, que xa se vén realizando nos últimos anos, a través do que se procura responder de xeito integral ás necesidades educativas daquelas familias con menores ao seu cargo e que se atopan en situación de vulnerabilidade ou risco de exclusión social.

O outro proxecto complementario que o Concello pretende organizar por primeira vez denomínase A Laracha acolle e iría dirixido exclusivamente a persoas inmigrantes. Tamén contaría con dúas accións, sendo unha delas un obradoiro de alfabetización en castelán e galego ademais do programa Exprésate, que persegue crear un espazo de socialización para que os participantes poidan coñecer os valores, funcionamento, patrimonio e cultura larachesa.