A Laracha preséntalle á Xunta un novo programa de emprego para a xente moza

1 minutes read

Na última reunión da Xunta de Goberno Local celebrada na Laracha acordouse presentar á Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia un novo proxecto de programa de emprego para persoas mozas incluídas no ficheiro do sistema nacional de Garantía Xuvenil que o Concello pretende organizar co dobre obxectivo de mellorar a formación profesional dos mozos participantes e de realizar actuacións de interese xeral en infraestruturas, equipamentos e espazos públicos.

Baixo a denominación A Laracha coa xuventude II, o programa deseñado polo Concello pretende a posta en marcha de dúas especialidades con dez alumnos traballadores en cada unha delas.

Unha das especialidades é a de limpeza en espazos públicos e instalacións, que contempla intervencións en diferentes localizacións con lavado a presión e fregado de vías públicas e a limpeza de instalacións municipais, mobiliario urbano e sumidoiros, entre outros labores.

A outra especialidade é a de pintura, á que se encomendarían traballos de impermeabilización, aplicado de pintura e imprimacións en edificios, instalacións e equipamentos de titularidade pública, como por exemplo os centros socioculturais da Insua (Caión), Cumiáns (Montemaior) e Lamas (Golmar), o IES Agra de Leborís, en elementos de iluminación pública e no depósito de auga da Pedreira, en Caión.

O orzamento de A Laracha coa xuventude II ascende a 558.000 euros, que o Concello pretende cofinanciar ao abeiro da convocatoria de subvencións da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade para a realización de programas destas características.

Estás seguro de que quieres desbloquear este artículo?
Desbloquear izquierda : 0
Estás seguro de que quieres cancelar la suscripción?