A Laracha presentará á Xunta un novo programa integrado de emprego para 100 participantes

Concello da Laracha_GOOGLE MAPS

  • Na Xunta de Goberno Local tamén se acordou concorrer á convocatoria de axudas da Consellería de Política Social para un programa de voluntariado sénior

A Xunta de Goberno Local celebrada este xoves na Laracha acordou presentar á Xunta de Galicia un novo proxecto dun programa integrado de emprego ao abeiro da convocatoria de subvencións da Consellería de Emprego e Igualdade. Despois das boas experiencias dos últimos anos nas que se desenvolveron iniciativas de similares características, o Concello aspira a realizar este novo programa dirixido a un máximo de 100 persoas desempregadas que serían informadas, orientadas e asesoradas na busca de emprego con entrevistas individualizadas. Posteriormente tamén recibirían formación transversal e específica sobre determinadas especialidades con demanda de profesionais cualificados nos sectores hostaleiro, loxístico e das novas tecnoloxías. Por último, realizaríanse prácticas profesionais non laborais en empresas.

Este programa foi deseñado para aproveitar as oportunidades laborais que ofrece o termo municipal da Laracha e o seu entorno en sectores con crecente demanda de perfil profesionais. As accións formativas serían orientadas cara eses ámbitos, acompañando aos participantes nos seus itinerarios individualizados para aumentar as súas capacidades. O obxectivo final sería «acadar unha inserción laboral dun mínimo do trinta e sete por cento», afirman desde o goberno local.

Na Xunta de Goberno tamén se acordou que o Concello concorrerá á convocatoria de axudas da Consellería de Política Social para o financiamento dun novidoso programa dirixido a activar e implantar o voluntariado sénior no municipio. A iniciativa iría dirixida a persoas maiores de 55 anos de idade ás que se lles ofrecería a posibilidade de colaborar con diferentes iniciativas en beneficio de diferentes colectivos de poboación vulnerable ou en risco de exclusión. Tamén foron concedidas tres licencias urbanísticas.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha