A Laracha presentará á Xunta un novo programa integrado de emprego no que poderían participar 100 persoas

PIXABAY

  • Na Xunta de Goberno Local tamén se acordou solicitar a participación do Concello nunha convocatoria de axudas para mellorar o parque móbil da Policía Local

Este xoves celebrouse na Laracha a Xunta de Goberno Local na que, entre outros asuntos, se acordou presentar á Xunta de Galicia un novo proxecto integrado de emprego ao abeiro da convocatoria de subvencións da Consellería de Emprego e Igualdade.

Despois das boas experiencias dos últimos anos nas que se desenvolveron iniciativas de similares características, o Concello pretende poñer en marcha este novo programa que tería un orzamento de 250.000 euros e unha duración total de doce meses. Durante ese período, cen persoas en situación de desemprego serían informadas, orientadas e asesoradas en materia de busca de emprego con entrevistas individualizadas para, posteriormente, recibir formación transversal en diversas materias e específica en tres especialidades diferenciadas: atención sociosanitaria a persoas en institucións sociais, socorrismo en espazos naturais e actividades auxiliares en comercio. Os participantes tamén realizarían prácticas profesionais non laborais en empresas.

Este programa, que contaría con dous orientadores laborais e un auxiliar administrativo, foi «deseñado coa pretensión de aproveitar as oportunidades laborais que ofrece a Laracha e o seu entorno en sectores con crecente demanda de perfil profesionais», destacan desde o Goberno local. O obxectivo final sería acadar unha inserción laboral dun mínimo do 36%.

Fondo de compensación ambiental
A Xunta de Goberno tamén deu luz verde á solicitude de participación do Concello na convocatoria de subvencións da Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo para a adquisición de vehículos alternativos con destino aos corpos da Policía Local.