O Goberno Local acordou concorrer á convocatoria de subvencións da Axencia de Turismo de Galicia dirixidas a Concellos para actuacións de embelecemento do litoral galego no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-Next Generation.
O Concello da Laracha pretende cofinanciar a través desta liña de axudas o proxecto de acondicionamento de elementos de protección do Sendeiro de Saldoiro, o tramo do paseo marítimo de Caión que une a Praza Eduardo Vila Fano co arroio Figueirido e que conta co distintivo de Sendeiro Azul.
A intervención deseñada polo Concello contempla a substitución da barandilla co dobre obxectivo de reforzar a seguridade e mellorar a estética cunha solución que permitirá integrala no entorno no que se sitúa. O orzamento do proxecto alcanza os 88.500 euros.