A Laracha, presente no XI Foro Intantil Unicef-Parlamento de Galicia

4 minutes read

A Laracha foi este martes un dos trece Concellos que formaron parte do XI Foro Infantil UNICEF-Parlamento de Galicia celebrado en Santiago de Compostela. Representaron ao municipio doce nenos e nenas (Adán, Enrique, Lucía, María, Eva, Asier, Mía, Hugo, Alba, Carla, Jorge e Zaira) que son conselleiros do Espazo de Participación da Infancia e da Adolescencia. Durante a xornada estiveron acompañados polo alcalde, José Manuel López Varela, e a concelleira de Servizos Sociais e Igualdade, Rocío López.

O acto celebrouse en torno ao do Día Mundial da Infancia, que se conmemora o 20 de novembro, coas fins de presentar as conclusións e puntos de vista máis relevantes do Manifesto elaborado no III Encontro Galego de Consellos Locais de Participación infantil e adolescente realizado recentemente poñendo o foco no dereito á protección e a non violencia, darlles a oportunidade aos representantes dos Consellos Locais de ser escoitados no espazo no que se debaten e deciden as políticas de interese para toda a cidadanía galega e de dar cumprimento ao Pacto Galego pola Infancia impulsado por UNICEF.

Á súa chegada tanto os representantes laracheses como dos outros municipios participantes foron recibidos polo presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices. A continuación realizáronse as trece intervencións previstas no Foro, estando a da Laracha centrada no dereito á protección e a prevención da violencia no ámbito do deporte e o lecer e realizada por Adán.

Despois de escoitar a un representante de cada grupo parlamentario, á presidenta de UNICEF Comité Galicia -Miriam Garabito- e ao director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica da Consellería de Política Social e Xuventude -Jacobo José Rey-, o Foro concluíu coa entrega aos participantes do diploma acreditativo e, ao Parlamento de Galicia, do cadro realizado no III Encontro Galego de Consellos Locais de Participación Infantil e Adolescente.

O 20 de novembro conmemorouse o Día Universal dos Dereitos da Infancia, aniversario da aprobación en 1989 da Convención sobre os Dereitos infantís pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas. Este ano a celebración está vinculada co “Dereito á protección e á prevención da violencia” pretendendo concienciar e sensibilizar no dereito á protección contra os malos tratos, as humillacións, as desatencións, os abusos sexuais e contra toda forma de explotación que sofren nenas, nenos e adolescentes en todos os países de todo o mundo.
Para a conmemoración deste día celebrouse o III Encontro Galego de Participación de Infancia e de Adolescencia do Carballiño os pasados 18 e 19 de novembro, no que A Laracha contou coa representación de 4 nenos e nenas e da concelleira de Servizos Sociais e Igualdade, Rocío López. No mesmo, os nenos, nenas e adolescentes (NNA) traballaron na identificación de problemas e necesidades relacionados coa protección e a prevención da violencia en diferentes ámbitos que foron presentados neste Foro.
Tamén baixo este contexto foi celebrado o IV Encontro do Espazo de Participación de Infancia e de Adolescencia da Laracha na Casa da Cultura o pasado xoves. No mesmo, os NNA xunto co alcalde e os concelleiros con competencias delegadas tiveron a oportunidade de conversar entre si, presentándose e facendo consultas e propostas. Con esta dinámica, sinala Rocio López, “quixemos que os nenos e nenas coñezan ás persoas que encabezamos as diferentes concellerías para poder manter un necesario diálogo que permita construír do mellor xeito posible as iniciativas que impliquen, directa ou indirectamente, á infancia e que, en definitiva, saiban que poden trasladarnos o que precisen a calquera de nós”.
Estas iniciativas están encamiñadas e obter o recoñecemento da Laracha como Cidade Amiga da Infancia por parte de UNICEF trala elaboración e posta en marcha do Plan Local de Infancia e Adolescencia. No mesmo, atopamos a liña estratéxica concreta sobre a protección e o coidado dende a administración, “atopar nela o noso espazo”, sendo un eixo que recolle o desenvolvemento de medidas a poñer en marcha dende a Administración Local, como o estudo do benestar emocional e saúde mental da infancia, desenvolver un proxecto de diagnose e mellora da protección á infancia dende o local e a dotación dos espazos municipais de elementos de xogo e coidado.

Estás seguro de que quieres desbloquear este artículo?
Desbloquear izquierda : 0
Estás seguro de que quieres cancelar la suscripción?