A Laracha prevé contratar a 10 socorristas para a praia de Caión

PIXABAY

  • O servizo prestarase todos os días, entre as 12:00 e as 20:00 horas, desde o 15 de xuño ao 15 de setembro

O Concello da Laracha reforzará este verán o servizo de salvamento e socorrismo na praia de Caión. A campaña iniciarase a mediados do mes de xuño e o goberno local agarda dispoñer dun total de dez efectivos (nove socorristas e un coordinador), un máis que no ano pasado. As contratacións realizaranse por dúas vías diferentes.

Por unha banda o Concello licitou a finais de abril a contratación do servizo á que, tras rematarse o prazo de presentación de ofertas, optan dúas empresas. Nos próximos días reunirase a Mesa de Contratación para clasificar as propostas. A adxudicataria deberá dotar á praia con sete socorristas –un deles polo menos debe contar coa titulación de patrón de embarcación- e un coordinador xeral. O servizo prestarase todos os días, entre as 12:00 e as 20:00 horas, desde o 15 de xuño ao 15 de setembro. O orzamento base de licitación ascende a 58.267,09 euros (IVE engadido) e será financiado con fondos municipais.

Por outra banda, o Concello ten solicitada a súa participación na convocatoria de axudas da Consellería de Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia para poder contratar dous efectivos máis. Esta liña de subvencións, destinada a fomentar o emprego en colaboración coas entidades locais, está pendente de resolución.