A Laracha | Prohibido practicar surf en Caión durante as horas de máis afluencia

Praia de Caión_Concello de A Laracha

  • Nos vindeiros días instalarase cartelería nos accesos aos areais con toda a información

As persoas que desexen practicar surf na praia de Caión durante o que queda de verán deberán ter claro o horario no que poderán realizar este deporte despois de que o Concello da Laracha establecera a prohibición de surfear nas horas de máis afluencia.

A medida entrou en vigor este venres e, segundo sinalan desde o Goberno local, tómase coa finalidade de «garantir a seguridade» dos bañistas ao detectarse a afluencia «dun importante volume de surfistas en hora punta e con marea alta –cando a superficie do areal se reduce en gran medida-, o que derivou en situacións de risco e perigo para os bañistas que compartían espazo con eles».

Nos vindeiros días colocarase cartelería nos accesos ao areal, advertindo tamén de que vulnerar as instrucións a requirimento verbal dos axentes da autoridade ou do persoal de salvamento e socorrismo suporá «o abandono inmediato da zona sen prexuízo da imposición das sancións previstas na ordenanza municipal de promoción das condutas cívicas e protección dos espazos públicos».

A práctica do surf continuará permitíndose tanto de maneira regulada (a través das escolas) como libre durante as horas restantes do día.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha