- No caso de aumentar nun 10% o material recollido, o Concello gañará un premio de 2.000 euros para doar a unha causa social local
Desde este mércores a Praza do Concello da Laracha ten outra cor. Iso é debido ao contedor amarelo xigante que se instalou no lugar para dar difusión á campaña Únete ao reto! de promoción da reciclaxe, impulsada pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta de Galicia e Ecoembes.
A Laracha é un dos trece municipios galegos participantes neste programa e ten a oportunidade de gañar un premio de 2.000 euros para doar a unha causa social local. Para conseguilo é fundamental a implicación da cidadanía, xa que se debe incrementar nun 10% con respecto ás cifras dos meses de marzo, abril e maio do ano pasado a reciclaxe dos contedores amarelos nos que se depositan envases de plástico, bricks, latas, etc.
Esta iniciativa súmase a outras que se desenvolveron no concello e que incluíron a implicación dos establecementos comerciais coa colocación de material divulgativo e o reparto realizado na feira de Paiosaco.