A Laracha proxecta a instalación dun sistema de seguridade no alumeado público do polígono

1 minutes read

O Concello da Laracha vén de presentar á Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia un proxecto dirixido a protexer de roubos o cableado de cobre do alumeado público do polígono industrial. Na última Xunta de Goberno Local acordouse solicitar que dita actuación sexa cofinanciada con fondos da convocatoria de axudas encamiñadas á mellora de infraestruturas dos parques empresariais galegos (DOG número 13 do 21 de xaneiro de 2020).

O proxecto contempla a instalación dun sistema de protección de cable consistente nun dispositivo de obturación colocado no interior das 150 arquetas do alumeado público existentes no entorno do polígono industrial e que impide o deslizamento dos cables polo conduto.

Este sistema de seguridade destaca pola súa fiabilidade ante os intentos de roubo, versatilidade e adaptabilidade.

O proxecto está valorado en preto de 58.000 euros.