Na sesión ordinaria da Xunta de Goberno Local celebrada este mércores, o Concello da Laracha acordou concorrer á convocatoria de axudas da Consellería do Mar para proxectos ao abeiro das estratexias de desenvolvemento local participativo, aprobadas aos grupos de acción local do sector pesqueiro (GALP) no marco do Fondo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura 2021-2027.
O Concello presenta ao GALP Costa da Morte un proxecto baixo o título ‘O mar de Caión: un acercamento ao medio ambiente mariño e costeiro’ dirixido a rexenerar e poñer en valor espazos do litoral vinculados á cultura do mar, contemplándose tamén como un impulso para o sector turístico.
Entre as accións que se pretenden levar a cabo están o embelecemento de edificacións e de muros mediante a realización de catro murais en diferentes localizacións da vila.
Outra das iniciativas é a creación da ruta selfie ‘Self-Caionízate’ que aumente a experiencia lúdico cultural dos visitantes. Ao longo do percorrido serían instaladas letras corpóreas que visibilicen a identidade de Caión e tamén estruturas que permitan a realización de autorretratos en puntos de interese.
O proxecto, valorado en total en máis de 77.000 euros, complementaríase coa realización de actividades de sensibilización ambiental de diferentes temáticas e dirixidas a todos os públicos que se desenvolverían especialmente durante a época do verán.
Outros proxectos
Tamén se acordou presentar o proxecto de substitución da cuberta do pavillón polideportivo Municipal da Laracha á liña de subvencións en concorrencia non competitiva do Fondo de Cooperación Local da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes. O orzamento desta actuación deseñada polo Concello supera os 87.000 euros.
Ademais, o Concello concorre á convocatoria de axudas de Augas de Galicia, dependente da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, para a realización dunha auditoría do saneamento municipal que permita detectar posibles infiltracións coa finalidade de gañar en eficiencia na prestación do servizo. Neste caso ditos traballos están valorados en 18.000 euros.