A Laracha puxo a cuberto o festival de Entroido

1 minutes read

Este luns desenvolveuse o obradoiro infantil de Entroido que organizou o Concello da Laracha para ofrecerlle unha alternativa de ocio aos nenos e facilitar a conciliación laboral e familiar dos seus pais nesta xornada festiva nos centros de ensino.

Desde as 11:00 e ata as 13:00 horas vinte e cinco rapaces –baixo a dirección de tres monitores especializados- realizaron as súas propias caretas, pintaron as caras e realizaron xogos de animación no baixo da biblioteca municipal da Laracha. A inscrición foi gratuíta para os participantes.

Concurso de disfraces

O punto e final á programación municipal de Entroido púxose este martes, festivo local na Laracha, co concurso de disfraces. Pola previsión de mal tempo, os actos de Entroido celebráronse finalmente no pavillón do IES Agra de Leborís, que estivo ateigado de público.

A verbena comezou ás 17:00 horas e o concurso de disfraces ás 18:30 horas, no descanso da actuación da Orquestra Trébol que amenizou a verbena.

Repartíronse máis de tres mil euros en premios entre todas as categorías (individual, parellas, grupos e comparsas).