A Laracha realiza unha completa actuación xunto ao Sendeiro Azul de Caión

As brigadas municipais de conservación e mantemento dos entornos medioambientais están a realizar unha ampla e completa actuación de desbroce e limpeza de vexetación no entorno do tramo do paseo marítimo de Caión que conta co distintivo de Sendeiro Azul.

Aproveitando as condicións climatolóxicas favorables dos últimos días, e a instancia do Concello da Laracha, os operarios municipais están a acometer o podado e rebaixe do cercado vexetal que bordea a parcela pola que discorre o paseo marítimo. Deste xeito lógranse os obxectivos de conservar os setos en boas condicións, manter a protección que ofrecen no borde da finca, embelecer a zona e facilitar a visibilidade para que os usuarios do sendeiro poidan divisar con maior comodidade a fermosa estampa que forman a praia coa vila de Caión ao fondo.

O alcalde, José Manuel López Varela, e os concelleiros José Ramón Martínez Barbeito e Rocío López quixeron comprobar o resultado das actuacións desprazándose ata Caión, onde mantiveron un encontro cos operarios municipais para darlles indicacións sobre as zonas nas que traballarán nos próximos días.

Do mesmo xeito que en anos anteriores, o Concello da Laracha tamén realizará outra ampla actuación de limpeza e conservación da praia e do seu entorno nas datas previas á Semana Santa.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha