A Laracha recibe de Inditex o novo aparcamento creado no polígono

Foto.- Cedida.

Representantes do goberno local da Laracha e do Grupo Inditex S.A. asinaron a acta de recepción polo Concello do aparcamento público que a empresa vén de construír no polígono industrial. Este novo equipamento xa foi posto a disposición da cidadanía para o seu uso.

A actuación fíxose no marco do convenio urbanístico entre ambas partes que implicou a permuta duns 10.500 metros cadrados de terreos. Segundo aquel acordo -necesario para que Inditex puidese executar o proxecto de construción da súa planta e implantarse na Laracha-, o aparcamento público e unha parcela de titularidade municipal cualificada para albergar equipamentos pasaban a mans da empresa e, en contraprestación, Inditex crearía un aparcamento público co mesmo número de prazas e cedería ao Concello unha parcela para equipamentos públicos de superficie similar noutra zona do polígono.

Así, Inditex vén de rematar as obras de creación do novo aparcamento, que presenta unha superficie de 3.723 metros cadrados e dispón de 93 prazas de estacionamento e todos os servizos correspondentes, incluíndo o alumeado. Tamén foi creada unha barreira visual vexetal que separa este ámbito da estrada. O proxecto tivo un orzamento de 448.000 euros.

Ademais, nunha zona próxima ao novo aparcamento o Concello dispón agora dunha parcela para equipamentos públicos dunha superficie de 7.266 metros cadrados.