A Laracha reclámalle á Deputación a poda das árbores da DP-1913

2 minutes read

A estrada DP-1913 é unha das vías vertebradoras das comunicacións rodadas no termo municipal. Os seus tramos urbanos ao paso polo casco urbano da Laracha son as Avenidas de Caión e Doutor López Astray que, como é común nas estradas de titularidade provincial, están flanqueados por árbores plataneiros (Platanus x hispanica) tamén no núcleo de A Cheda e ata o lugar de Os Muíños, xa na parroquia de Coiro.

Cada ano o Concello da Laracha solicita á Deputación da Coruña a inclusión desta estrada no plan de mantemento e conservación das vías provinciais, desenvolvéndose os traballos oportunos de poda das árbores na época axeitada, normalmente no primeiro trimestre ou a principios da primavera. Neste ano ditos traballos non se levaron a cabo e iso supón que na actualidade as polas e as follas invadan parte das beirarrúas e da calzada, coas molestias que iso xera aos residentes na zona, aos peóns e aos vehículos que circulan por este lugar. A follaxe das árbores tamén está chegar ás fachadas dos edificios, oculta parte da sinalización viaria e mesmo obriga aos vehículos de gran tamaño (autobuses e camións) a circular polo centro da calzada invadindo parte do carril contrario, xa que se trata dunha vía de dobre sentido, pero que é estreita.

Despois de que o goberno local o solicitase verbalmente en reiteradas ocasións, o pasado día 5 de xuño o Concello da Laracha remitiu un escrito ao servizo de vías e obras da Deputación da Coruña explicándolle a situación e reclamando que se tomasen as medidas oportunas para solucionala por motivos de seguridade viaria. A día de hoxe, máis de dous meses despois, non se respondeu ese escrito nin se acometeron os traballos solicitados.

O Concello da Laracha insta publicamente á Deputación da Coruña a realizar ditos traballos de poda das árbores e lamenta a desatención por parte do ente provincial dun servizo básico que afecta a unha zona céntrica do núcleo urbano da capital que, ademais de acoller a igrexa parroquial, establecementos comerciais e vivendas particulares, tamén conforma o inicio das vías principais de acceso desde A Laracha cara Lendo e Caión por un extremo e a Coiro e Soandres polo outro.