A Laracha recolle información e propostas para o seu IV Plan de Igualdade

1 minutes read

O Concello continúa traballando na recollida de información e de propostas para o seu IV Plan de Igualdade entre Mulleres e Homes, un procedemento no que se está a empregar unha metodoloxía participativa o involucrando no mesmo a axentes chave do termo municipal para poder levalo a cabo con éxito.

Nesta ocasión fíxose a través dun foro de diagnose e propositivo con representantes dos centros  educativos desenvolvido no edificio administrativo da Laracha. Formou parte do mesmo persoal de dirección, de orientación e responsables de igualdade dos tres Centros de Educación Infantil e Primaria (Afredo Brañas, Ramón Otero Pedrayo e o de Caión),  e o Instituto de Educación Secundaria Agra de Leborís.

Estivo estruturado en tres partes:

  • Presentación das principais desigualdades detectadas a través da diagnose estatística.
  • Discusión dos resultados da diagnose e achegas á diagnose dos centros educativos.
  • Proposición de liñas de actuación e medidas a incluír no Plan de Igualdade.

Na última parte do foro recolléronse propostas dirixidas ao fomento da igualdade, o respecto á diversidade e a prevención da violencia de xénero tanto nos centros educativos como entre a poboación xeral da Laracha. Todas as achegas serán analizadas polo persoal técnico do Concello de cara a incluílas no IV Plan de Igualdade.