A Laracha reforzará o servizo de limpeza nos colexios

1 minutes read

De acordo ao protocolo da Xunta de Galicia sobre as medidas de seguridade para a prevención da Covid-19 ante o regreso da actividade nos colexios, o Concello da Laracha reforzará o servizo de limpeza nos CEIPs Otero Pedrayo da Laracha, Alfredo Brañas de Paiosaco e Caión, para o que foi preciso revisar o contrato coa empresa concesionaria e incrementar a achega económica municipal para ese fin nun vinte e cinco por cento. O gasto mensual pasará a ser de 13.192,51 euros.

Así, ademais da limpeza habitual que se fai con carácter xeral, todos os días realizaranse durante o horario lectivo un mínimo de tres limpezas e desinfeccións dos aseos, nos que haberá xel hidroalcohólico a disposición dos usuarios. Tamén se reforzará o servizo de limpeza nas superficies de uso frecuente (pasamáns, pomos de portas, mesas, mobles, etc.), nas zonas privadas do persoal do centro e nos postos de traballo compartidos (neste caso, en cada cambio de quenda).