A Laracha reforza o seguimento da limpeza e mantemento dos solares nas zonas urbanas

Concello de A Laracha_GOOGLE MAPS

  • A Policía Local realizou as comprobacións oportunas e nos próximos días os titulares de terreos que infrinxen a normativa recibirán o correspondente requirimento

O Concello da Laracha desenvolve cada ano campañas informativas sobre cuestións relacionadas coa Lei do Solo de Galicia, que obriga aos propietarios dos terreos situados en zonas urbanas a mantelos en bo estado e en condicións óptimas de seguridades e ornato público durante todo o ano, e a normativa de montes e prevención de incendios, que fixan as distancias mínimas a ter en conta nas plantacións forestais.

Campañas que se reforzan na primavera e no verán por «tratarse das épocas de maior crecemento da biomasa», afirman desde o consistorio. Neste sentido, a Policía Local realizou durante as últimas semanas as comprobacións oportunas do estado de conservación e mantemento dos solares situados nos tres núcleos urbanos (A Laracha, Paiosaco e Caión). Nos próximos días os titulares daqueles que incumpren a normativa recibirán o correspondente requirimento do Concello, informándolles, ademais, da posibilidade de impoñerlles multas coercitivas de entre 1.000 e 10.000 euros como medio de execución forzosa.

O Concello agradece á veciñanza a súa implicación e sensibilización con estas obrigas, dado que por norma xeral ditos labores se acometen en tempo e sen necesidade de notificación previa.