Despois de que o Goberno central anunciase o levantamento de restriccións en determinados sectores profesionais non esenciais, no termo municipal da Laracha reiniciáronse este luns unha serie de obras públicas promovidas polo Concello e que estiveran paradas nos últimos quince días.
Así, xa están outra vez en marcha a construción do centro comunitario de Caión que se está a levantar na zona da Insua. O proxecto está valorado en total en 1,2 millóns de euros.
Nas infraestruturas viarias municipais retomouse a actividade en localizacións da parroquia de Torás. No núcleo urbano da Laracha estase a traballar novamente na humanización das rúas e Urbano Lugrís e Emilia Pardo Bazán (antigas 2ª e 3ª travesía Eusebio Bértoa Queijo) e tamén na rúa David Mallo Gómez e o seu entorno.
Outros puntos de actuación na zona rural de Torás son as estradas Cillobre-Gabenlle pola zona dos Castros e as vías Riotorto-A Barreira e Mirón-A Cachada.
Os proxectos de humanización de rúas da Laracha e mellora de estradas suman un importe total de 350.000 euros.
Nos próximos días continuaranse retomando os traballos noutra serie de proxectos de mellora de infraestruturas públicas promovidos polo Concello da Laracha.
42