A Laracha | Rematada a senda peonil na estrada AC-552 no Cancelo


A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, xunto co alcalde da Laracha, José Manuel López Varela, e o delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, supervisou o remate das obras da senda peonil no Cancelo, que mellora a mobilidade e a seguridade viaria dos veciños, e que contou cun investimento autonómico de case 50.000 euros.

Os traballos consistiron na execución dun itinerario na marxe dereita da estrada AC-552, entre os puntos quilométricos 23,2 e 23,4, na zona do acceso á autoestrada AG-55 e ao parque empresarial.

Esta senda completa os traxectos peonís da zona xa que, tanto na marxe esquerda da propia estrada como na entrada ao parque empresarial, actualmente xa existían sendas. As obras foron executadas sobre dominio público existente, cunha sección útil de 2,5 metros de ancho e pavimento de formigón. A drenaxe resolveuse cun novo colector de pluviais, cos seus correspondentes pozos de rexistro e sumidoiros.

A Xunta, mediante a execución deste tipo de actuacións, continúa mellorando a rede viaria autonómica e incrementando a seguridade dos peóns, usuarios vulnerables das estradas.