Continuando co desenvolvemento do plan municipal de conservación e mantemento da rede viaria, o Concello da Laracha comezou a execución dun proxecto que afecta a tres rúas da capital municipal. Este xoves os traballos localizáronse na rúa Eusebio Bértoa, onde se está a renovar a superficie de rodadura dos vehículos por medio da aplicación dunha nova capa de aglomerado asfáltico previo fresado nas zonas da calzada que se atopaban en peor estado. Actuacións de similares características levaranse a cabo a continuación nas rúas Río Anllóns e Río Bradoso. Nos tres casos contémplase tamén o repintado das marcas viarias, da sinalización horizontal e dos pasos para peóns. Nestas actuacións o Concello inviste 80.000 euros.
Concello e Agader financiarán melloras nas vías de Soutullo e Golmar
Na sesión ordinaria da Xunta de Goberno Local celebrada este xoves acordouse incluír o proxecto de mellora da estrada que comunica As Orxeiras (parroquia de Golmar) con A Xesta (Soutullo) no Plan de mellora de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas 2023-2024 impulsado pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader). A actuación proxectada afecta a unha lonxitude lineal de 1,2 quilómetros da vía, que presenta unha anchura de 6,8 metros e tamén dá acceso a outros núcleos de poboación como San Pantaión, A Rocha, O Vilar e O Seixoso. As obras previstas consisten na renovación da superficie de rodadura, a mellora da drenaxe e o reforzamento da seguridade viaria a través da sinalización horizontal e vertical. O orzamento do proxecto sitúase en torno aos 96.000 euros a cofinanciar entre o Concello da Laracha e Agader.