A Laracha requiriu en 2019 a limpeza de 160 solares e fincas

No que vai de ano o Concello da Laracha notificou individualmente a 160 propietarios de solares e fincas situados nos núcleos urbanos, zonas da periferia e áreas residenciais de parroquias rurais que requiren dun tratamento especial, a obrigatoriedade de mantelos en óptimas condicións de conservación en cumprimento da Lei do Solo de Galicia.

En concreto, 105 desas notificacións foron sobre solares emprazados en zonas urbanas e outras 55, fincas ubicadas en áreas periféricas e rurais.

Ademais, tamén foron incoados 35 expedientes de tala de árbores por incumprir as regulacións de distancias mínimas establecidas na Lei de Montes de Galicia e os preceptos da Lei de prevención e defensa contra os incendios forestais.

Todos os anos o Concello da Laracha desenvolve unha campaña informativa sobre estas cuestións, con especial incidencia na primavera e no verán por tratarse das épocas de maior crecemento da biomasa, aínda que tamén nos meses restantes se levan a cabo actuacións dirixidas a cumprir as condicións de seguridade, hixiene, salubridade e ornato público das fincas privadas.

Nos requirimentos advírtese aos titulares dos terreos que o incumprimento da normativa vixente poderá implicar sancións administrativas, ademais de asumir o propietario das parcelas o custe das actuacións que, no caso de ser preciso, o Concello da Laracha executará subsidiariamente.

O Concello da Laracha agradece á veciñanza a súa implicación e sensibilización co mantemento en bo estado de conservación das parcelas privadas, dado que por norma xeral ditos labores se acometen en tempo e sen necesidade de requirimentos previos. Nos últimos anos diminuíu considerablemente o volume de notificacións municipais remitidas, que nalgún exercicios superou as catrocentas soamente nos núcleos urbanos.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha